Consejos y avisos

15/4/10

A esquina de Hospicio co Paseo

Envíame o amigo Miguel Abad, esta fotografía, que vénse sumar ao grupo que os pouquiños estou a facer cas que mostran ese orixinal edificio que ocupaba a esquina de Vicente Pérez con Hospicio, (actual BBVA do Paseo).
Ao meu entender, unha das esquinas comerciais estratéxicas da cidade, descoñezo a data en que se levanto este edificio, pero tendo en conta que a década dos setenta no século XIX, foi a que viu nacer as dúas rúas que forman o cruzamento (Paseo 1873, Trives 1879), quero pensar que os comezos da década dos oitenta, fixaron o seu nacemento.
O seu primeiro uso foi froito dunha puxante nova industria, o automóbil; para dar acubillo ao concesionario e talleres dos "Chevrolet", chegouse a solicitar autorización para instalar un chafariz de carburante, para dar un máis amplo servizo á clientela, pero non me consta que chegase a funcionar.
A súa situación excepcionalmente céntrica, posiblemente, converteu en pouco práctico, o uso de gran parte do solar como talleres, polo cal mudou de actividade. Non o podo asegurar, pero penso que durante unha tempada paso a ser ocupado polo "Café Paris", e durante o período de Guerra Civil, foi empregado como "Oficina de información de Frontes e Hospitais".
Rematada a contenda, converteuse nun dos máis importantes bazares da cidade, "Bazar Pedro", o cal xunto con "Bazar Outeiriño", situado no mesmo edificio, (fachada a Paseo), e os "Sánchez- Puga" fornecían de lámpadas e mobles aos domicilios ourensáns.
Xa nos anos sesenta do século pasado, caeu baixo a picaraña, e xa no renovado edificio, pasou a ser oficina bancaria, iso si, a súa fachada a publicitado, varias entidades, antes da actual, a primeira salvo erro, foi a do Banco Hispano Americano.
Non quero terminar esta entrada, sen mencionar ás dúas señoras que pousan, nun balcón do Hotel Bilbaína, trátase da avoa do meu amigo Miguel, Dona Rosa Vila, en compañía de Dona Ramona Vázquez Cancio, propietaria do Hotel.
Coido que na entrada non hai ningún dato erróneo, o que se se nota, é unha gran carencia de datos, datas, propietarios etc. se algún tedes información que poida ampliar a entrada, agradeceríavos que ma facilitásedes.

No hay comentarios: