Consejos y avisos

4/5/10

Vicente Pérez y Pérez

Vicente Perez y Perez
Desde o nacemento da cidade, en que os nomes das rúas tiñan unha significación obvia, Villare (rúa da vila), Pomerii (rodeada de leiras de maceiras), Uico ab descendam... etc. Pasando pola época en que a denominación venia dada por quen a ocupaban, zapateiros (Paz), Ferreiria (Herradores), Crux dos Ferreiros (Praza do Ferro), ata hoxe, en que o criterio non está moi definido; tivemos moitos cambios nas denominacións, neses cambios foron quedando polo camiño, nomes de cidadáns que nalgún momento os nosos conveciños, consideraron oportuno dedicarlles unha rúa, para que o seu recordo pervivise na cidade.
Nunha nova serie de entradas, intentarei lembrarvos, quen eran estes veciños, e aproveitar para refrescarvos tamén datos dalgún, dos que aínda que manteñen o seu nome nas rúas, o seu recordo esta difuso na mente dalgúns Ourensáns; o paso do tempo para certas cousas, non é beneficioso.
Por aquí pasaran: Ático Noguerol, Vicente Pérez, Os Irmáns Villar, os Xesta, Basilio Álvarez, Paz Novoa, García Mosquera, etc.
Espero que sexan de voso agrado, e desculpedes algún erro que seguramente cometerei.
Hoxe visítanos un político practicamente esquecido, que tivo o seu nome nunha das rúas máis céntricas da cidade.

Vicente Pérez y Pérez

Cando en 1873 rematanse os trámites para a apertura da actual rúa do Paseo, (adquisición do caserón Quintans, de don Juan Igneson), esta ía ser a continuación da rúa do instituto, decidiuse entón que debía ter nome propio e é así como ao primeiro tramo, desde San Miguel, ata Concordia, chamouselle Paz Novoa, e o segundo, que chegaba ata o parque de San Lázaro, chamouselle de Vicente Pérez.
Nado en Ourense o ano 1851, avogado de profesión, pertencía a unha familia de comerciantes e banqueiros (Banca Fuentes e Pérez - Bobo), dedicouse moi novo á política; a súa tendencia liberal, en breve converteulle no líder do partido liberal durante os anos da Restauración Borbónica.
En 1872 obtén por primeira vez o seu escano, como Deputado a Cortes por Ourense (Capital), vivindo en primeira persoa a continua sucesión de lexislaturas, froito dos difíciles momentos que se vivían no país.
Durante eses anos, continua desenvolvendo actividades na cidade, así no ano 1879, funda o diario "El Eco de Orense", e en 1898, debido a discrepancias con quen dirixía neses momentos a publicación, Don Valentín Lamas Carvajal, (Don Valentín quería darlle ao diario unha orientación Liberal- Conservadora, e as ideas de Don Vicente, estaban máis en liña cos progresistas de Sagasta), abandoa "El Eco" e funda o diario "El Miño".
Posteriormente e debido aos seus sucesivos nomeamentos políticos, Director Xeral de Prisións (30 de xuño de 1905), Director Xeral dos Rexistros Notariais (1910), Ministro Togado do Tribunal de Contas (1910-1921), trasladouse a Madrid, onde faleceu o 19 de Decembro de 1921.
Os seus últimos anos encadrouse na liña Albista (corrente liberal que apoiaba ao zamorano Santiago Alba Bonifaz, nas súas teses de aproximación ao socialismo).

No hay comentarios: